Análise de 'O convalecente': Cohesión e Coherencia Textual

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Filosofía y ética

Escrito el en gallego con un tamaño de 5,36 KB

Análise do fragmento 'O convalecente'

Cohesión

O rexistro lingüístico empregado é estándar. A pesar de que os personaxes son de condición social alta e mesmo hai un tratamento entre eles moi respectuoso (Eminencia...), o diálogo de réplica e contrarréplica non dá para moito máis. A medida que avanza a acción, o rexistro vólvese máis coloquial ao perder as formas o arcebispo (Pero que clase de físicos sodes, que nin entre os tres dades diagnósticos?). Nin sequera a terminoloxía empregada polos médicos neste fragmento é necesariamente especializada.

O discurso dos personaxes é contraposto. O arcebispo pregunta e ataca aos seus médicos e estes, ante a posición de superioridade social e o poder do afectado, manteñen unha actitude que se plasma nun discurso prudente.

A inmediatez do diálogo, que expresa unha acción no seu desenvolvemento, fai que a meirande parte das conxugacións verbais empregadas sexan en presente de indicativo (está, é, acabamos...). Nin sequera hai unha pequena concesión a verbos en subxuntivo que puidesen expresar os desexos do arcebispo ou a probabilidade expresada polos médicos. Predominan as oracións simples. Os enunciados son sintéticos, concisos e sen parar en beneficio dunha reflexión mínima. Hai unha cohesión grande e orquestrada polas réplicas continuadas.

Coherencia

A exposición textual é dinámica, rápida, sen pararse a reflexionar sobre nada. Os diálogos son veloces, concisos, sintéticos, onde un posicionamento determinado pode variar 180 graos inmediatamente. Son réplicas e contrarréplicas dos uns aos outros e mesmo dos uns para si propios, formando un caos.

O tema versa sobre a enfermidade descoñecida do arcebispo.

O arcebispo está ante os seus cirurxiáns para que lle diagnostiquen a enfermidade que o fai sentirse tan mal. Os cirurxiáns auscúltano e non atopan a razón pola cal o arcebispo se atopa mal, polo que teñen que dar unha serie de respostas vagas e dispersas para ir contentando ao arcebispo e mesmo gañar tempo.

A estrutura deste fragmento é lineal. Nun primeiro momento preséntasenos a situación e sabemos que o infeliz protagonista desta historia se laia dun mal que espera que os seus médicos lle solucionen.

No corpo do fragmento, e ante unha serie de respostas difusas e nada esclarecedoras, o arcebispo incomódase e comeza a dar síntomas de preocupación e desconfianza perante os galenos, cada vez máis sobrepasados.

O final é explosivo. Ante a falta de solucións, o arcebispo arrinca a súa cólera contra os médicos. Non lle serve nada do que lle din e mesmo se mofa deles e pon en cuestión a súa profesionalidade.

Adecuación

O fragmento que nos ocupa pertence a O pauto, de 1983.

Poderiamos situala como obra da xeración dos 80 pola súa data de publicación e polo seu contido. Sen haber nestas datas necesidade dun teatro de denuncia, os autores déixanse levar pola xeira do humor sen abandonar a preocupación por asuntos de carácter social. Se os temas sociais dunha maneira ou outra xa estaban presentes no teatro anterior, a presenza do humorismo no teatro é un factor novidoso dos dramaturgos da democracia.

Ademais da información que se nos dá, os emisores fundamentais son os personaxes grazas aos diálogos.

As acotacións deste fragmento son simplemente anotacións do autor que nos aclaran como debe ser a representación. Así nos amosa xa o espazo (aposentos privados do palacio arcebispal) e os personaxes que conformarán esta escena (Arcebispo na cama laiándose e tres cirurxiáns). Non temos apartes, é dicir, en ningún momento o personaxe afástase do centro da acción dramática para dirixirse ao público co fin de informar ou aclarar algo que o espectador debe saber, pero os outros personaxes non.

Todo o fragmento constitúe un único cadro, xa que a acción se desenvolve nun único espazo: os aposentos do arcebispo. E non hai a unidade mínima da estrutura teatral, a escena, xa que non hai entradas e saídas de personaxes.

A intención comunicativa é a propia sátira. Facer humor dunha situación esperpéntica dada entre uns personaxes moi determinados (arcebispo e cirurxiáns), a súa posición social e mesmo moral, e as limitacións que amosan todos ante a enfermidade e a imposibilidade de facer algo por sandar ao convalecente por descoñecemento.

Opinión Argumentada

O fragmento d'O pauto contén dúas características esenciais do teatro que na década dos 80 se estaba facendo en Galicia: o asunto social e o humorismo, neste caso perfectamente vencellados.

Temos uns personaxes de clase social alta, merecentes todos eles de gran consideración. Por un lado, un arcebispo con todo o que implica da conduta exemplarizante; e por outro lado, están ata tres cirurxiáns, posuidores de grandes coñecementos científicos e sandadores para sacar do problema de saúde o seu paciente.

Nun primeiro momento a conduta é normal. No momento en que as cousas se complican, sae á luz un comportamento impropio da categoría profesional e social dos personaxes.

O autor rise da condición humana, que ás veces se presenta como moito máis sólida do que realmente é cando se producen situacións aparentemente límites.

Entradas relacionadas: