Análise de 'Cantares Gallegos' e 'Follas Novas' de Rosalía de Castro

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en gallego con un tamaño de 5,28 KB

Cantares Gallegos

Estrutura e Temática

Cantares Gallegos é o primeiro libro publicado integramente en galego. Está dedicado a Fernán Caballero. Contén 36 poemas de estrutura circular, cunha voz lírica feminina que abre e pecha o poemario. A forma que Rosalía escolle para presentar os poemas é a glosa de textos populares, actuando como homenaxe á creatividade e ao enxeño colectivo do pobo. Os 36 poemas son glosas de cantares populares, que aparecen destacados en cursiva no comezo, no medio ou no final dos poemas, como modelo formal.

Entre as voces líricas que aparecen, está a da propia autora, en dous poemas intimistas, que inician un tipo de poesía que irá ocupando máis espazo, ata enchelo todo en Las Orillas del Sar, un precedente da literatura existencialista do século XX. Na maioría dos poemas, a voz lírica é a de personaxes de extracción social popular e labrega que lle dan ao poema un ar folclórico.

Prólogo e Obxectivos

No prólogo, a autora pide desculpas polos posibles erros do seu libro, escrito sen regras nin boa gramática. Ademais, explica as razóns de contar as belezas e costumes cun triplo obxectivo:

  • a. Reivindicar a capacidade do noso idioma, negando que sexa unha lingua ruda.
  • b. Denunciar o maltrato, menosprezo e marxinación que padece o noso país.
  • c. Combater a falsa e negativa imaxe que tiña Galiza.

A estrutura é circular, cun prólogo e un epílogo poético, que serven de introdución e despedida, abrindo e pechando a entrada das diferentes voces líricas que forman a voz do pobo.

Tematicamente, os poemas divídense en catro grupos:

  • a. Folclórico-etnográficos: Son os máis numerosos. Reflicten a individualidade do pobo galego, describindo aspectos concretos da vida de Galiza: romarías, supersticións, devocións, festas e traballos na aldea.
  • b. Amorosos: Entre personaxes campesiños que representan as diferentes faces do amor, positivas e negativas.
  • c. Social-patrióticos: Tratan a penuria en que vive a maioría dos galegos na época. Mostran a ideoloxía galeguista da autora fronte ao asoballamento de Castela. Denuncian o drama da emigración. Outros reaccionan contra o centralismo español.
  • d. Intimistas: Menos numerosos, só dous poemas. Esta temática irá gañando terreo nos poemarios, ata o seu último, que é totalmente intimista. Expresa vivencias e sentimentos persoais.

FN: Publicado por Rosalía en 1880 en Madrid, obrigada por vellos compromisos editoriais.

Follas Novas

Características e Estrutura

A obra consta dun prólogo en prosa e 5 partes ou libros. En conxunto, Follas Novas é máis persoal e filosófico que Cantares Gallegos. Como di a autora no prólogo, este novo libro non é fillo da mesma inspiración que Cantares, senón que foi concibido en medio de todos os desterros, de aí o escepticismo e pesimismo.

Podemos clasificar os cinco libros en dous apartados:

  • a. A lírica solitaria ou subxectiva:
    • Vaguedás: Consta de 20 poemas. Reflexiona sobre a escrita feminina e os trazos e contidos da súa obra, e advirte que os seus versos reflicten todos eses estados anímicos.
    • Do íntimo: Con 36 poemas, exterioriza as súas reflexións metafísicas, filosóficas e intimistas sobre a insolidariedade humana, o paso do tempo, a perda das ilusións e dos soños, amor e desamor, etc.
  • b. A lírica solidaria ou obxectiva:
    • Da terra: 9 poemas nos que mostra a súa identificación co pobo galego. Nalgúns dos poemas atopamos novamente personaxes e escenas populares, así como denuncias sobre a discriminación da muller.
    • As viúvas dos vivos e dos mortos: Son 9 poemas. Céntranse no fenómeno da emigración e as causas que o provocan, e expresa a súa admiración e solidariedade coas mulleres campesiñas, condenadas a vivir criando os fillos e con dupla xornada laboral.
    • Varia: Composto por 40 poemas que expoñen a realidade múltiple que rodea o "eu".

Destacando o sufrimento da xente, das mulleres e problemas sociais. Follas Novas demostrou a capacidade do galego para abordar calquera tema, sentimento ou inquietude.

Compromiso Social da Autora

A obra de Rosalía mostra unha grande sensibilidade perante a inxustiza, a marxinación e a opresión. Por iso ten un forte compoñente social, tal e como ela manifestou no prólogo de Follas Novas.

Aspectos do Compromiso Social
  • Defensa firme da cultura e da lingua de Galiza. Defende e dignifica a nosa personalidade como pobo, crenzas, maneiras de festexar e a cultura.
  • Defensa dos valores sociais e morais do pobo galego, fronte aos novos valores da sociedade burguesa ascendente.
  • Identificación cos problemas, sufrimentos e aspiracións das clases populares galegas.
  • Denuncia das inxustizas, desprezo, incomprensión e abusos cometidos contra Galiza, especialmente no tema da emigración.

Entradas relacionadas: