Análise de Arte Gótica: Escultura de Reims e o Fresco de Giotto (Capela Scrovegni)
Enviado por Chuletator online y clasificado en Arte y Humanidades
Escrito el en
gallego con un tamaño de 11,09 KB
Grupo Escultórico da Anunciación e Visitación (Reims)
Ficha Técnica
- Obra: Grupo Escultórico da Anunciación e Visitación do Pórtico Occidental da Catedral de Reims.
- Autores: Mestre da Visitación, Mestre do Sorriso, Mestre de Amiens.
- Cronoloxía: 1245-1255.
- Estilo: Gótico Clásico.
Comentario Xeral da Fachada
A fachada é de tripla portada (habitual no Gótico Clásico). Destacan as esculturas que invaden os espazos dispoñibles. Sen embargo, as portas non teñen tímpanos, que son substituídos por rosetóns con vidreiras. Os temas principais colócanse nas columnas e gabletes. Nas xambas están as estatuas columna cos grupos escultóricos da Anunciación e a Visitación.
Grupo Escultórico da Anunciación
Iconografía
Tema da Anunciación como se relata no Evanxeo de San Lucas. Un anxo anuncia a María que vai concibir un fillo por obra e graza do Espírito Santo. Componse da figura da Virxe e dun anxo sorrinte.
Análise Formal e Técnica
O movemento é reflectido pola xesticulación dos brazos. María está sen expresión. A vestimenta é primitiva e os pregues acentúan a verticalidade. O anxo observa a Virxe e esta mira cara ao exterior. As diferenzas entre a roupaxe no anxo e na Virxe fannos pensar na intervención de dous mestres:
- O Mestre do Sorriso é o autor do anxo, que representa unha arte cortesa, amable, humana, agradable e caracterizada polo preciosismo técnico.
- O Mestre de Amiens é autor da Virxe da Anunciación, cun estilo que deixa de lado a antigüidade clásica. É unha arte fría, distante, sen sentimentos, uniforme e estilizada, na que as figuras visten túnicas iguais.
Grupo Escultórico da Visitación
Iconografía
Encontro entre María e Sabela embarazadas, como se relata no Evanxeo de San Lucas. Autor descoñecido.
Análise Formal
O tema da Visitación de María e a súa curmá Sabela ocupa dúas estatuas-columnas do pórtico central. Aparecen vestidas de matronas romanas con túnicas feitas coa técnica dos panos mollados cos seus pregados movidos. Recursos como a perna de apoio, a perna libre e a curva praxiteliana demostran que o coñecemento do artista non é superficial, aínda que non supera o principio de disxunción.
O parecido da cabeza de María coa Venus de Medici é evidente. A inspiración nun sarcófago leva ao escultor a desbotar a iconografía tradicional do tema da Visitación, substituíndoa por unha escena de filósofos axeitada á tipoloxía das estatuas columna.
A composición é en contraposto (cabezas inclinadas e xesticulando), con rostros expresivos e diferenciados. Destaca a modelaxe intensa da roupa, que recorda a Fidias co uso dos panos mollados. As figuras están inseridas nun espazo e comunícanse entre elas. A lei do marco condiciona o canon, pero queren liberarse dese marco e proxéctanse cara ao exterior. Non hai convencionalismo como na escultura románica.
Simboloxía e Contexto Histórico
O Século XIII é o das catedrais, das cidades e no que a burguesía é o grupo social emerxente. As esculturas evolucionan na técnica, que é máis detallista, e na conexión coa nova estética e pensamento filosófico. Superouse o terror do ano 1000. A nova espiritualidade reflicte o espertar das cidades, a confianza do home e o rexurdir do comercio e da artesanía. Escúlpense figuras naturalistas, preto do ser humano. A Virxe non é só o principal personaxe feminino, tamén é Nai de Deus.
Pranto por Cristo Morto (Lamentación)
Ficha Técnica
- Obra: Pranto por Cristo Morto (Lamentación).
- Autor: Giotto.
- Cronoloxía: Principios do Século XIV.
- Estilo: Gótico.
- Técnica: Fresco.
- Localización: Capela Scrovegni (Padua).
Introdución e Contexto da Obra
Pintura realizada coa técnica do fresco, con retoques ao temple. Esta escena corresponde a un dos episodios recollidos nas paredes da Capela dos Scrovegni en Padua. O conxunto mural recolle momentos diferentes da vida de Xesús e da Virxe, pasando por escenas da Paixón, Asunción e Pentecostés. Son un total de 36 escenas enmarcadas por orlas con medallóns, semellando cadros independentes, organizadas en tres franxas superpostas.
A bóveda de canón que cobre a única nave da capela, pintada en azul, queda convertida en bóveda celeste coa única presenza de tondos, presidida por Cristo dando a súa bendición. No muro da contrafachada represéntase o Xuízo Final. No lado dos xustos, vese a Enrico Scrovegni ofrecendo á Virxe a construción da capela, un xeito de expiar os pecados do pai.
Giotto foi discípulo de Cimabue e pronto obtivo un amplo recoñecemento social, recibindo encargos dos máis poderosos da época. Con Giotto ábrese un novo camiño: o recoñecemento do artista como persoa que non só domina as técnicas como un bo artesán, senón que ademais é un creador, do que se valora o xenio da súa inventiva.
Contexto Histórico e Estilístico
A estética gótica non chegou a ter demasiado éxito en Italia. O mesmo sucedeu na pintura, que se mantivo ligada á tendencia bizantina. No Trecento, dúas escolas italianas, Siena con Simone Martini e Florencia con Giotto, rompen coa tradición gótica bizantina, a denominada pintura á grega, e os seus convencionalismos. Dan un paso adiante na procura do naturalismo tanto na representación dos espazos como nas figuras.
Paralelamente, mellorouse a técnica do fresco empregando substancias menos oleaxinosas que escurecían as cores, o que permitiu que as cores acadaran unhas tonalidades claras e vivas antes nunca vistas. Foron factores fundamentais do cambio: a presenza no entorno inmediato da cultura clásica e a riqueza das Repúblicas obtida a través da actividade comercial.
Análise Iconográfica e Formal
Iconografía
O tema era tradicional na iconografía cristiá bizantina, pero na obra de Giotto resulta novidoso. A lamentación sobre o corpo de Cristo non se menciona no Novo Testamento; é un tema de orixe bizantina inspirado nos ritos dramáticos e introducido en Italia a finais do século XIII por Coppo di Marcovaldo.
Diferéncianse dous espazos: o inferior (terreal), onde ten lugar a morte e o drama, e o superior (celeste), no que dez anxos, sobre un fondo azul intenso, choran tamén a morte de Cristo, cun sentimento que os achega ao home. Ambas as áreas quedan separadas pola árida paisaxe.
A escena principal céntrase no corpo inerte de Cristo acollido por María, que o mira amorosamente, mentres ao seu redor outras figuras contemplan a escena con contida emoción. Distínguense polas aureolas:
- As tres Marías (María Magdalena, María de Cleofás e María Salomé).
- San Xoán cos brazos en alto.
- De pé, detrás del, Xosé de Arimatea e Nicodemo.
Análise Formal e Composición
Unha clara diagonal vai de esquerda a dereita, da cabeza de Cristo morto ata o alto da montaña rochosa cunha pequena e sinxela árbore, seca e sen follas, que tamén semella simbolizar a morte. Esa diagonal rompe a habitual disposición frontal e descentra a figura principal: Cristo non está no eixe da pintura, senón desprazado á esquerda. Pese a todo, esa asimetría non lle resta relevancia, pois é revalorizado pola súa nudez (que destaca no medio das cores das roupas dos demais) e polas miradas de todos que a el se dirixen.
A distribución das figuras é diferente no espazo terreal e celestial:
- Anxos: Aparecen claramente separados con baleiros entre eles, cun tratamento moi variado de disposicións, destacando algúns escorzos moi ben logrados.
- Mundo Terreal: As figuras individualízanse claramente no plano principal e no lado dereito. Hai unha distribución clara e racional: dúas figuras á dereita, tres no centro e tres á esquerda, todas rodeando o corpo de Cristo. Giotto engade un grupo á esquerda con figuras anónimas e incompletas que fan a composición máis compacta e que, coa súa disposición de pé, equilibran a elevación do outro lado.
Giotto insere a natureza (a árbore resulta desproporcionada en tamaño), pero xa non recorre aos fondos dourados. Aínda así, a paisaxe está subordinada aos feitos que se narran, actuando como telón de fondo.
Constrúese un espazo físico con profundidade, dada pola diagonal principal, pola paisaxe e polas figuras de costas que crean profundidade. Vemos que hai aire ou espazo entre as formas. A tridimensionalidade lógrase coa introdución da paisaxe do fondo, a disposición de figuras en distintos planos (destacando as figuras de costas ao espectador), nos escorzos dos querubíns voadores e na propia monumentalidade escultórica das figuras. Considérase que o seu cadro é unha “ventá aberta á realidade”.
Tratamento Plástico e Sentimento
Fisicamente, as personaxes non son retratos nin tomados do natural; todos presentan clara similitude, sendo o máis característico os ollos achinados, negros ou castaños, fortemente rasgados. En canto ao tratamento plástico, as formas son contundentes e monumentais, sólidos volumes con verdadeira sensación de masa, ben definidos polo trazo dos contornos que lles outorga un certo carácter escultórico, favorecido pola luz plasmada nas tonalidades da cor.
A cor axuda a lograr o obxectivo final: a conexión do amarelo claro da primeira figura da esquerda e da montaña rochosa da dereita unifican a escena; o azul do ceo outorga neutralidade a ese espazo, mentres que abaixo as gamas de vermellos e verdes, alternándose, dinamizan o conxunto. En todo caso, trátase dun colorido brillante que outorga un carácter táctil á pintura.
Sen dúbida, o aspecto máis salientable é o sentimento: a expresión da dor por medio de xestos claros e individualizados. É unha dor real, humana, que se reflicte nas mans, nas bocas entreabertas e nos ollos chorosos. O patetismo máximo está en María e en San Xoán. Giotto aprende este patetismo da realidade inmediata. Sen embargo, está lonxe do exceso; todas as expresións rebordan unha solemnidade acorde aos acontecementos.
Influencias e Legado
Hai un afondamento humanista que nada ten de gótico, aínda que algo quede do pasado, como os nimbos dourados realizados en estuco. A obra de Giotto, rompendo cos convencionalismos e co hieratismo, acada un naturalismo cheo de vigor e unha humanización que enlaza co espírito franciscano. Responde a un sentimento relixioso polo que o individuo é digno de redención se practica virtudes, e co novo gusto burgués e antiseñorial do patriciado italiano. Terá claros seguidores en figuras coma Masaccio ou Miguel Anxo. A busca de profundidade achégao aos artistas do Renacemento.