Alfonso Daniel Rodríguez Castelao: Vida, Obra e Legado Cultural

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en gallego con un tamaño de 5,24 KB

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (1886-1950) é a figura máis sobranceira da cultura galega do século XX.
De familia mariñeira, entre os 10 e os 14 anos reside na Arxentina. De volta en Galicia, estuda o bacharelato e a carreira de medicina, destacando pola súa grande habilidade como debuxante e caricaturista.
Participa no sindicato de Acción Galega e ingresa no galeguismo ao tomar contacto coas Irmandades da Fala, iniciando unha intensa labor política ata a súa morte.
En 1920 faise cargo da dirección artística do grupo Nós e comeza tamén a súa relación co grupo ourensán (Risco, Otero e Cuevillas). En 1923 entra no Seminario de Estudos Galegos. Paralelamente, desenvolve unha ampla actividade como conferenciante, presenta exposicións dos seus debuxos e colabora na prensa como caricaturista e narrador. En 1926 é elixido membro da Real Academia Galega.
Tras o remate da Ditadura de Primo de Rivera, incrementa a súa actividade política, participa na creación do Partido Galeguista (sendo deputado en 1931 e 1936). É un dos principais promotores do Estatuto de Autonomía para Galicia, que será aprobado en plebiscito en 1936.
Ao remate da Guerra Civil, exíliase primeiro en Nova York e logo en Bos Aires, onde continúa a súa defensa da causa republicana. Crea en Bos Aires o Consello de Galicia, unha especie de goberno galego no exilio, do que é presidente ata a súa morte. Desde 1984 está no Panteón de Galegos Ilustres de San Domingos de Bonaval, en Santiago.

Obra Literaria de Castelao

Comezou pola narrativa, continuou polos ensaios e acabou como dramaturgo. As súas características son:
  • Crítica social
  • Humor acedo
  • Lirismo con abundantes recursos expresivos
  • Conexión e brevidade

Narrativa

  • Un ollo de vidro: Novela curta centrada no tema da ultratumba. Un esqueleto narra a súa vida no cemiterio, predominando o humor negro e o compromiso social.
  • Cousas: Conxunto de breves relatos acompañados dunha ilustración. Ofrecen un mosaico da realidade galega do seu tempo: o mundo mariñeiro, a emigración, retratos de personaxes... Cousas é a creación máis orixinal de Castelao e supón unha síntese entre a narrativa e a plástica.
  • Retrincos: Colección de 5 relatos, aparentemente autobiográficos, nos que se narran acontecementos e vivencias do autor en distintos momentos da súa vida.
  • Os dous de sempre: Única novela longa de Castelao. Biografía paralela de dous personaxes amigos que, desde pequenos, encarnan dous xeitos de vivir a vida: un supera todos os atrancos grazas á súa intelixencia, valentía e idealismo; o outro, unha persoa sen vontade, preguiceiro e materialista que só quere comer e folgar. Na portada aparecen un paxaro e unha ra.

Ensaios

  • Sempre en Galiza (a máis importante): Escrita entre 1935 e 1947, publicada en Bos Aires en 1944. É a obra máis importante do pensamento galeguista. Galicia é definida coas características propias dunha nación: territorio diferenciado, lingua propia, tradición cultural... Fronte ao centralismo, propón un federalismo de todos os pobos ibéricos.
  • Traballos sobre a arte popular: As cruces de pedra na Bretaña e As cruces de pedra en Galicia.

Teatro

  • Os vellos non deben namorarse: É a única obra teatral estreada en Bos Aires en 1941 e publicada en Galicia en 1953.

Estrutura da Obra Teatral

  • 3 lances independentes pero de tema e estrutura semellante, encadrados entre un prólogo e un epílogo.
  • O prólogo anticipa o tema e o argumento da obra: os amores serodios dos vellos van aparellados á morte.
  • Os lances presentan 3 versións dun mesmo drama: en cada un hai un vello namorado dunha moza e un mozo que rivaliza con el. En todos os lances aparece a Morte como personaxe que advirte ao vello das dramáticas consecuencias do seu namoramento.
  • No epílogo, os 3 vellos reúnense (xa como esqueletos) e analizan as circunstancias da súa morte, láianse das súas imprudencias e coñecen noticias das súas mozas respectivas.
Castelao definiu esta obra como «imaxinada por un pintor e non por literato», manifestando así a importancia que lle daba aos decorados, mediante os cales modernizou o teatro galego.

Obra Gráfica de Castelao

Converteuse na principal figura da arte galega do seu tempo. Publicou os debuxos do álbum Nós, Cincuenta homes por dez reás e a serie Cousas da vida. Nestas obras presenta personaxes populares (labregos e mariñeiros) e, a través do humor, dá unha visión crítica da Galicia do seu tempo.
Despois da guerra aparecen os álbums Galicia mártir, Atila en Galicia e Milicianos, dramáticas estampas da cruel represión fascista en Galicia.

Entradas relacionadas: