Alfonso Daniel Rodríguez Castelao: Vida, Obra e Compromiso co Nacionalismo Galego

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 7,3 KB

A vida e obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao

(Rianxo, 1886 — Bos Aires, 1950)

Biografía e Traxectoria

Dos 10 aos 14 anos, Castelao emigrou a Bos Aires coa familia, o que marca a súa orixe humilde (fronte a figuras como Risco ou Otero Pedrayo). Ao regresar, estudou Medicina en Santiago (exerceu durante dous anos). Posteriormente, foi profesor de Debuxo no Instituto Xeral de Pontevedra.

Labor Cultural e Intelectual

  • 1920: Promotor da publicación da revista Nós, onde exerceu como director artístico.
  • 1923: Comezou a dirixir a sección de Artes Plásticas e Letras no Seminario de Estudos Galegos.

Labor Político e Exilio

  • 1916: Ingresou nas Irmandades da Fala (Pontevedra). Previamente xa colaborara con Acción Gallega.
  • 1931: Membro fundador do Partido Galeguista (xunto con Otero Pedrayo e Ramón Suárez Picallo) e deputado nas Cortes.
  • 1936: Un dos artífices da aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia.
  • Guerra Civil e Exilio: En 1940 chegou a Bos Aires. En 1944 creouse alí o Consello de Galiza, unha especie de goberno republicano no exilio, do que Castelao foi elixido presidente, e dende onde se tentou dar validez ao devandito Estatuto.

A Obra de Castelao

Obra Plástica

Os temas centrais da súa obra plástica son a denuncia dos problemas sociais e políticos da época, e a solidariedade cos máis oprimidos.

Etapas da Obra Plástica

  1. A denuncia da pobreza e do abuso de poder dos políticos: Están presentes personaxes populares (nenos, pobres, cegos, mariñeiros, labregos...). Obras desta etapa: álbum Nós (1919) e álbum Cincuenta homes por dez reás.
  2. A denuncia da represión fascista durante e despois da Guerra Civil: Obras desta etapa: álbum Galicia mártir (1937), Atila en Galicia (1937) e Milicianos (1938).

Obra Narrativa

Características da Narrativa

  • Protagonismo do pobo galego: Labregos e mariñeiros. Castelao solidarízase con eles e caracterízaos con gran realismo.
  • O humor: Utilizado para amosar os defectos da sociedade galega.
  • O lirismo: A obra é concibida como unha sucesión de feitos ata acadar o punto máximo de emoción (o final).
  • O narrador certifica os feitos: Ben porque os viviu, ben porque llo contaron as testemuñas ou os propios protagonistas. Esta técnica busca dotar ao texto de verosimilitude, é dicir, darlle a aparencia de verdadeiro.
  • Técnica narrativa: Baséase na brevidade e na síntese. Faise unha exposición dos trazos fundamentais da historia, cunha influencia próxima á do conto oral popular, aínda que a obra narrativa de Castelao non se pode considerar literatura popular.

Todos estes elementos confírenlle á obra narrativa de Castelao un carácter propio, que se afasta da concepción que tiñan os outros membros de Nós. Para entendermos a obra narrativa de Castelao non precisamos de códigos ideolóxicos previos, algo que si ocorre nas obras de Risco e Otero Pedrayo.

Obras Narrativas Destacadas

Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete (1922)

Tema: O mundo de ultratumba (esotérico).

Un esqueleto conta as peripecias dos seus compañeiros de camposanto (nenos, pobres, caciques, labregos...) vistas a través do seu único ollo de vidro.

Cousas (1926, 1929 e 1934)

Son 44 relatos precedidos dun prólogo. Trátase de narracións que amosan unha serie de dramas humanos: a emigración, a pobreza, a soidade dos vellos ou as traxedias do mar. En todos estes casos, o autor amosa un forte compromiso social. Caracterízanse pola súa brevidade. Neles combínanse o realismo (ás veces, dramatismo), lirismo e humor. Inclúen ilustracións do propio autor.

Retrincos (1934)

Son cinco relatos autobiográficos que amosan vivencias persoais do autor dende a infancia ata a madureza. Neles hai reflexións sobre o envellecemento, a ilusión, a morte, etc. Presentan a estrutura do relato tradicional: presentación, nó e desenlace.

Os dous de sempre (1934)

Novela realista urbana que expón a biografía paralela de dous personaxes contrapostos (Pedriño e Rañolas), dúas maneiras de concibir a vida ou de comportarse nela:

  • Pedriño: Pasivo, acomodado, materialista, de familia humilde e un perdedor. Só pensa en comer e folgar.
  • Rañolas: Activo, inconformista, idealista, intelixente, emprendedor, malia as súas situacións adversas (eivado de corpo e de condición humilde). Cando regresa a Rianxo, móstrase infeliz pola perda da liberdade.

As condicións sociais e a familia determinan o futuro dos dous protagonistas. A técnica narrativa empregada baséase na brevidade: a sucesión de pequenas unidades narrativas nas que se combinan o realismo, o lirismo e o humor. Os temas da novela xiran arredor dos dous personaxes: a emigración (Pedriño e Rañolas), o materialismo (Pedriño), a busca da liberdade (Rañolas) ou o caciquismo (Pedriño). O obxectivo da novela é aleccionar a mocidade galega mostrando o fracaso do home na sociedade burguesa e propoñendo a superación dese modelo social.

Obra Teatral

Castelao sempre amosou interese polas tendencias da dramaturxia europea (como os homes de Nós). Isto apréciase en varios elementos:

  • O espírito popular (o corvo, o sapo e a lúa son personaxes que simbolizan a morte).
  • A estilización escenográfica (coidado da posta en escena).
  • A concepción do teatro como síntese de distintas artes.
  • A utilización da máscara.

Estes elementos están presentes na súa obra Os vellos non deben de namorarse (1941). Castelao non só é o autor, senón que tamén deseña os decorados, o vestiario e confecciona as máscaras. Comezou a escribir a obra antes da guerra, pero foi estreada no exilio no Teatro Mayo (Bos Aires), coa compañía galega Maruxa Villanueva e con actores galegos.

A obra presenta en tres lances o tópico drama do vello con diñeiro namorado dunha moza nova (tres vellos e tres mozas). O final é tráxico: morren os tres vellos. Faise unha crítica de certos valores sociais da época, como o materialismo: o poder do diñeiro sobre os sentimentos amorosos. Publicouse por primeira vez en Galicia en 1952 e a súa estrea tivo lugar na praza de Quintana (Compostela) en 1961.

Obra Ensaística

  • 1930: As cruces de pedra na Bretaña.
  • 1950 (póstuma): As cruces de pedra na Galiza.

Ambas obras constitúen unha investigación sobre os cruceiros da Bretaña francesa e Galicia.

Sempre en Galicia (1944)

Ensaio histórico-político. Nel fai reflexións sobre o autogoberno, o exilio, o sentimento de Galicia e a defensa da lingua. Nesta obra, Castelao amosa o seu compromiso político co nacionalismo e o seu antiimperialismo, criticando o modelo centralista do Estado.

Entradas relacionadas: