A Alegoría da Caverna de Platón: Significado e a Teoría das Ideas
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 3,6 KB
O Mito da Caverna de Platón e a Teoría das Ideas
Ademais, na República (Libro VII), Platón explica mediante o Mito da Caverna a Teoría das Ideas e o coñecemento como ascenso cara ao Ben.
Descrición da Alegoría
Nunha caverna subterránea, que ten unha abertura á luz, hai uns homes encadeados a un muro, mirando cara á parede do fondo. Na caverna hai dúas zonas afastadas por este muro, detrás do cal arde un lume. Entre o lume e os encadeados hai un camiño polo que uns homes transportan toda clase de obxectos que proxectan a súa sombra sobre a parede do fondo da cova. Os homes encadeados, non coñecendo nada diferente destas sombras, cren que esa é a realidade, cando só ven sombras e só escoitan ecos.
O Camiño cara ao Coñecemento: O Ascenso
Se un día un deles é desatado e obrigado a mirar cara á luz do lume, tería que facer un esforzo para afacerse a ela. E se o obrigasen a saír da caverna e ollar as cousas de fóra e logo directamente ao Sol, quedaría cegado. Pero ao cabo dun tempo comprendería que o Sol produce as estacións e os anos, e, dalgunha maneira, todas as cousas que se ven. Ese home que acada o exterior da caverna chega a coñecer a auténtica realidade.
A saída á luz é un camiño difícil de percorrer e reservado só a uns poucos (os filósofos), pero premiado coa adquisición da sabedoría e da ciencia.
Os Graos do Saber
Se un dos prisioneiros acadase saír da caverna (mundo sensible), iría ascendendo nos graos de coñecemento, superando:
- A suposición (representada polos prisioneiros encadeados).
- A crenza (representada polos homes que portan obxectos).
- O razoamento (representado polo lume).
Isto levaríao ata alcanzar e coñecer a Idea suprema.
O Retorno e o Compromiso do Filósofo
Pero se a este home se lle fixese volver á cova, aínda ao seu pesar, co tempo aprendería a apreciar cunha maior nitidez as sombras ao recoñecer naquelas o modelo do cal son copias imperfectas. Sería o único que sabería que ese mundo era falso, por iso sería o máis capacitado para gobernar aos "prisioneiros" da "caverna", porque coñecera a auténtica realidade.
Se o prisioneiro que chegou ao Mundo das Ideas volvese á caverna para iluminar os demais prisioneiros, estes riríanse del e mataríano. (O mito fai alusión ao seu mestre, Sócrates, que quixo iluminar os seus discípulos pero estes non quixeron escoitalo, foi rexeitado pola sociedade e condenado a morte).
Interpretación Simbólica do Mito
O propio Platón dános as claves para comprender o mito:
- A caverna é este mundo sensible.
- O que hai fóra dela é o Mundo das Ideas.
- O Sol é a Idea do Ben, da que procede todo.
Os homes encadeados somos nós mesmos que vivimos, lonxe de coñecer a verdadeira realidade, nun mundo de sombras que son reflexo das Ideas. Estes prisioneiros representan o grao máis baixo do saber: a suposición.
O Coñecemento Dialéctico: Camiño de Ida e Volta
O coñecemento dialéctico preséntasenos como un camiño de ida e outro de volta:
- O Camiño de Ida (Cognitivo): É o ascenso do mundo sensible ao intelixible, da escuridade á luz, ata captar as ideas (saída da caverna).
- O Camiño de Volta (Práctico): Significa o compromiso práctico do filósofo: a transformación da sociedade, a educación e a liberación do ignorante (prisioneiro encadeado que non pode ver a luz).