A crise da Restauración e a ditadura de Primo de Rivera

Español5,73 KB

Consecuencias da perda colonial: o desastre do 98

INTRO: Sobre as consecuencias da perda colonial. A derrota fronte aos EEUU e o modo de producirse causou un forte impacto na opinión pública e unha profunda ferida política sobre o futuro de España. Entre as consecuencias do desastre do 98 salienta a frustración do estamento militar, que adoptará unha actitude de defensa corporativa, mentres que a preeminencia do poder civil sobre o poder militar —unha das bases da Restauración— inverteuse a raíz dos “incidentes de Barcelona” (¡Cu-Cut!) e da aprobación da lei de xurisdicións en 1906 (Doc. 1.- O exército español en 1905).

Outras manifestacións do malestar provocado polo “desastre de 1898”, esta vez nos sectores burgueses pola incapacidade da propia oligarquía dominante fronte á ineficacia do Estado e por mor da postración do sector agrario, foron o republicanismo, o nacionalismo, o rexeneracionismo e unha intelectualidade crítica (cfr., “Xeneración do 98”). (9 liñas e media)

A precariedade do reformismo liberal e a crise de 1917

NÚCLEO: Centrada na precariedade do reformismo liberal e no cuestionamento do bipartidismo e sobre todo na crise plural de 1917 (económicas-inflación, sociais-folga xeral, políticas-gobernos de concentración e militares-xuntas de defensa).

En maio de 1902, Afonso XIII, alcanzada a maioría de idade (aos 16 anos), foi proclamado rei. Dende o inicio amosou unha inclinación pola intervención nos asuntos políticos (cfr., as prerrogativas do monarca na Constitución de 1876). Esta fase constitucional do seu reinado persoal representa a desarticulación do sistema canovista por mor da descomposición dos partidos dinásticos (cfr., creba do monopolio municipal).

O desastre do 98 fixo tomar conciencia aos partidos dinásticos da necesidade de introducir reformas, aínda que non alterasen as bases do sistema (soberanía e prerrogativas da Coroa). A. Maura á fronte dos conservadores elaborou entre 1907-09 varios proxectos como a lei de reforma electoral e o recoñecemento do dereito de folga. Entre 1910-12 e dende a presidencia do goberno, o liberal J. Canalejas tentou realizar reformas para ampliar a base social do sistema da Restauración; entre as máis significativas, estaban a lei de asociacións relixiosas ou “lei do candado” (1910), a lei de mancomunidades provinciais (Dato, 1913) e a lei dos “soldados de cota” ao servizo militar obrigatorio.

Inestabilidade política, conflitividade e crise de 1917

O fracaso das reformas pola oposición dos grupos dominantes e a forza dos poderes fácticos (Exército e Igrexa) á hora de impor condicións ao Estado puxeron de manifesto a incapacidade de evolución do sistema canovista (cfr., Xuntas de defensa e outras corporacións de funcionarios, vbgr. Correos). A isto hai que engadir en 1917 a crise provocada pola inflación derivada da orientación exportadora da nosa economía durante a Primeira Guerra Mundial (neutralidade do goberno Dato).

A partir de 1917 a inestabilidade política (cfr., gobernos de concentración e de escasa duración) e social foi unha constante da vida española (Doc. 2; A UGT e a CNT convocan unitariamente a folga xeral en agosto de 1917; Doc. 3, Viñeta alusiva ao desastre de Annual (1921) e Doc. 4, A inestabilidade dos gobernos entre 1917 e 1922); respecto da primeira, á incapacidade dos partidos hai que engadir as torpezas do monarca na procura permanente de apoio no exército (cfr., Informe Picasso) e respecto da segunda, hai que diferenciar a violencia da loita de clases nas cidades (cfr., “A verdade sobre o caso Savolta”) e da conflitividade no rural máis plural: no “trienio bolxevique” en Andalucía ou a loita antiforal en Galicia. (30 liñas e media)

Solución autoritaria ao esgotamento do réxime de 1876

CONCLUSIÓN: Solución autoritaria/decimonónica ao esgotamento do sistema da Constitución de 1876.

En setembro de 1923 Primo de Rivera deu un golpe de Estado en Barcelona e o rei Afonso XIII encomendoulle a formación dun novo goberno integrado por militares, aceptando así o pronunciamento. O golpe de Estado, que foi ben recibido polas clases conservadoras, xustificouse co argumento de que existía un claro risco de revolución social exemplificado no auxe do terrorismo e das folgas que o réxime constitucional da Restauración, desprestixiado polo desastre do 98, estaba incapacitado para resolver (Doc. 5.- En setembro de 1923, o xeneral Primo de Rivera xustifica así o seu golpe de Estado, aprobado pola Coroa).

Primo de Rivera presentábase como a única solución para acabar con aqueles perigos e coa vella política limpando o país de caciques e acabando coa bandidaxe política. En realidade, e por iso sen negar os feitos, hai que interpretalo non tanto como un intento de poñerlle fin a un réxime pouco democrático e caduco, senón como evitar de feito que o réxime da Restauración se abrira a un proceso real de democratización (cfr., goberno de concentración de García Prieto).

Ademais, no seu manifesto inaugural Primo de Rivera tamén expresaba a vontade de terminar coas ameazas á unidade nacional derivadas da radicalización dos catalanistas; sen dúbida, un estado de opinión tan decisivo como o Desastre de Annual, que culminou os fracasos nas campañas de Marrocos e a través do “Expediente Picasso” ameazaba con afectar ao mesmo monarca Afonso XIII. (16 liñas e media)

Descargar

PDF Word HTML