Percorrido Histórico do Teatro Galego: Do Século XX aos Anos 90
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 5,77 KB
O Teatro Galego de Inicios de Século
O teatro galego aparece tardíamente e non como espectáculo, senón como xénero literario. En Galicia fora sempre un xénero literario en segundo plano, con pouco respaldo social, debido entre outros motivos ao gasto que supón levalo a escena (presenza de público, lugar axeitado, utilización de medios técnicos e escénicos, actores…).
As Irmandades da Fala propóñense dignificar o teatro e crean no ano 1919 o “Conservatorio Nazonal de Arte Galego”, no que traballan autores como Cabanillas ou Vilar Ponte; aínda que a figura principal é Armando Cotarelo Valledor, con obras consideradas perfectas nas que reflicte vivencias de mariñeiros e labregos.
A Xeración Nós fai un teatro eminentemente literario, moi coidado lingüística e estruturalmente, no que os valores escénicos quedan relegados.
O Teatro Galego entre 1950 e 1965
O teatro galego tamén tivo grandes problemas para poder manter a actividade en Galicia durante a ditadura. A representación apenas existía e foron poucos os autores que o cultivaron de forma continuada, e foi no exilio americano onde este xénero gañou algo máis de fortuna, especialmente a través do Teatro Popular Galego, fundado e dirixido por Blanco Amor. Ademais de Castelao, outros autores cultivaron o teatro no exilio.
- Ánxel Fole: Pauto do demo (1958) - comedia de carácter folclórico.
- Luis Seoane: A soldadeira (1956) - Une pasado e presente, ao presenciaren uns campesiños do século XX as primeiras revoltas irmandiñas.
Álvaro Cunqueiro
Sente unha gran atracción polo teatro, que inclúe nalgunha das súas obras narrativas. Caracterízase polo clasicismo, sendo Shakespeare o seu autor preferido para reconstruír algunha das pezas.
- Función de Romeo e Xulieta (1956)
- A noite vai coma un río (1965)
- Palabras de víspera (1974)
- Xan, o bo conspirador (1978)
- O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca (1959) - É unha obra que pertence aos tempos fecundos de Cunqueiro, recrea a historia de Hamlet coas calidades propicias para o país galego dos anos 60. Constitúe un fito illado, non crea escola porque aínda existía a represión e o único teatro que existía era o de fóra, non se entendía que houbera que mudar esa situación, e tampouco que existira un teatro galego que falara de temas non galegos.
O Hamlet de Cunqueiro e o Hamlet de Shakespeare
O personaxe de Hamlet remóntase ao S. XIII, pero é a partir do S. XVII, na recreación de Shakespeare cando se populariza e se occidentaliza. Mantense en todas as versións o fío de que o príncipe asiste a unha violenta experiencia familiar que o atormenta.
O personaxe de Cunqueiro é máis concreto porque é máis curto e non recolle todas as tensións nin todas as situacións externas. Shakespeare fai a obra máis longa para darlle verosimilitude. A fin da obra tamén é diferente, o autor inglés decide unha escena complexa con personaxes complexos. O autor galego simplifícaa, igual que outros aspectos: a esquematización de caracteres que afecta ao protagonista, o tempo que se dilúe ata case non existir. No aspecto técnico, Cunqueiro tamén elimina o recurso do metateatro utilizado por Shakespeare.
Elementos simbólicos
Aparecen dous interrelacionados, o vento, que determina o estado de ánimo dos personaxes, é un personaxe sombrizo, negativo; identifícase co mal e tamén con Dinamarca. O coro ten o papel de ser voz do vento, é un protagonista ambiental, diluído entre os personaxes. Novidade de Cunqueiro.
O Teatro Galego entre 1965 e 1980
As condicións socioeconómicas dos sesenta propician a recuperación das actividades teatrais. Nacen importantes formacións como o grupo teatral O Facho (1965), ou o Teatro Circo, primeiro grupo teatral independente galego. A comezos da década seguinte van aparecendo novos grupos, e en 1973 celébrase a I Mostra de Teatro de Ribadavia, que continuará ata 1980 e que vai servir de punto de partida e de encontro para numerosos autores e grupos.
Manuel Lourenzo (Ferreira do Valadouro, 1943)
É un dos autores máis prolíficos e laureados da dramaturxia galega.
- Romaría ás covas do demo (1975)
- Xoana (1991)
- Electra; O avión paranoico (1994)
Roberto Vidal Bolaño (Santiago de Compostela, 1950-2002)
Actor, autor e director; cultiva un teatro simbólico con raíces populares ou outro no que dá unha visión pesimista da vida.
- Laudamuco, señor de ningures (1977)
- Cochos (1992)
- Días sen gloria (1992)
- Saxo Tenor (1993)
- As actas escuras (1997)
A Xeración dos 80
O teatro vai abandonando a temática social para abordar novos problemas e perspectivas. Outras características son:
- o uso do metateatro
- o emprego da ironía e o humor
- presenza da parodia
- o anonimato que caracteriza os personaxes
- Xesús Pisón: O Pauto, O rei aborrecido
- Miguel Anxo Fernán Vello: A tertulia das máscaras, A casa dos afogados
A Xeración dos 90
Caracterízanse pola continuidade e consolidación de promocións anteriores, e pola presenza de autores novos que crean obras de coidada estrutura, fácil representación e menor carga simbólica ca as anteriores.
Algúns dos autores son afamados contacontos como Quico Cadaval ou Cándido Pazó; actores de teatro como Lino Braxe; e dramaturgos como Cid Cabido ou Miguel Anxo Murado.