A Metafísica Aristotélica: O Ser, o Cambio e a Teoría das Catro Causas
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 5,47 KB
O Ser e o Cambio en Aristóteles
Aristóteles afirma que “ser” dise de moitas maneiras, e no cambio o que ocorre é que se pasa do ser en potencia ao ser en acto.
Tipos de Cambio
Aristóteles distingue inicialmente entre dous tipos de cambio: o cambio substancial e o cambio accidental.
O Cambio Substancial
O cambio substancial (xeración ou corrupción) é aquel no que unha cousa deixa de ser a substancia ou entidade que era para transformarse noutra distinta.
O Cambio Accidental
No cambio accidental a cousa segue sendo a mesma substancia ou entidade, pero cambia nalgún aspecto cualitativo ou cuantitativo ou simplemente cambia de lugar.
Cambio Natural e Artificial
Aristóteles tamén distingue entre cambio natural e cambio artificial ou violento. O cambio natural é o que xorde espontaneamente da cousa, con independencia de toda intervención humana. O cambio artificial ou violento é o que só se dá mercé á interferencia humana. Tanto os cambios substanciais como os cambios accidentais poden ser naturais ou artificiais.
Teoría Causal Aristotélica
A física aristotélica non se limita a constatar a realidade do cambio, a describilo e clasificalo. Tamén pretende explicalo. Aristóteles expón a súa teoría sobre a explicación do cambio no libro segundo da Física, dedicado ás aitíai ou causas. As aitíai son factores explicativos. Pois ben, Aristóteles distingue catro tipos principais de factores explicativos do cambio, é dicir, catro causas do cambio:
- A causa material.
- A causa formal.
- A causa eficiente.
- A causa final.
As Catro Causas
Causa Material
A materia é o substrato, o que permanece, de todo cambio. O material de que están feitas as cousas.
Causa Formal
Se o substrato é o que permanece no cambio, a forma é aquilo ao que se chega co cambio, a estrutura que presenta a cousa tras o cambio. As nocións aristotélicas de materia e forma son correlativas. O que nun contexto é materia, noutro contexto distinto é forma.
Causa Eficiente
O iniciador do cambio, o motor, o causante en sentido usual.
Causa Final
É o “para que”, o fin (telos), aquilo para o que se provoca o cambio, a meta, o propósito, a misión do cambio.
A Materia e a Forma como Estrutura da Substancia
Cando preguntamos “Por que?”, hai moitas respostas, pero os catro factores explicativos do cambio (as catro causas) son tamén catro puntos de vista ou factores que nos permiten analizar a substancia que resulta do cambio. Ademais de substrato do cambio, a materia é substrato da forma, material informado pola forma, aquilo do que unha cousa está feita ou composta. En cada substancia podemos distinguir os materiais ou elementos de que está feita –a súa materia– e a estrutura que adoptan eses elementos dela –a súa forma–. Os ladrillos e as trabes son a materia da casa, a súa disposición en paredes e teitos, a súa forma. Dende logo, parece plausible analizar todas as substancias en termos de materia e forma. Máis problemático resulta analizalas en termos de causa eficiente e causa final.
Teleoloxismo
Aristóteles pensa que toda substancia, natural ou artificial, ten unha función, un fin. As cousas artificiais teñen unha misión extrínseca, dada polo seu fabricante, mentres que as cousas naturais teñen unha misión intrínseca, inmanente, que lles vén de dentro.
Xerarquía de Seres e Modos de Ser
Este tema pode abordarse dende dous puntos de vista:
- ONTOLÓXICO-LINGÜÍSTICO: Sistema categorial onde “á vez que clasifica os diferentes tipos de predicación, Aristóteles está a pensar nos diferentes tipos de cousas” (Jesús Mosterín).
- COSMOLÓXICO: Ordenación xerárquica do cosmos que o autor presenta nos libros III-VII da Física e en Sobre o Ceo.
O Sistema Categorial Aristotélico
Segundo Aristóteles: “Ser dise de moitas maneiras”. As categorías son as diversas maneiras de dicirse o verbo ser no seu uso atributivo.
As Categorías
O que o verbo ser no seu uso atributivo atribúe ao suxeito é o predicado. Hai tantas categorías como predicados. A palabra grega, kategoría, significa predicado. As categorías son as diversas posibilidades de predicar ou dicir unha cousa doutra. As categorías son os diversos modos de atribución, os diversos tipos de predicados. Na súa obra Categorías preséntanos unha relación de dez categorías:
- Substancia (ousia)
- Cantidade
- Calidade
- Relación
- Lugar
- Tempo
- Posición
- Condición
- Acción
- Paixón
Non establece ningún criterio. Noutras obras a lista redúcese a oito. Só analiza con detalle as catro primeiras.
Exemplo de Reflexión Categorial
Imaxinamos que Aristóteles chegou á súa lista de dez categorías reflexionando dun xeito parecido a este: cantas cousas podo dicir dun suxeito determinado?