Linguas Minorizadas e Maioritarias: O Caso do Galego e a súa Historia
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en gallego con un tamaño de 5,95 KB
S3: Linguas Minorizadas e Linguas Minoritarias
Na actualidade hai en todo o mundo máis de seis mil linguas e, en cambio, só hai douscentos estados. Por iso podemos afirmar que o normal é que na maior parte destes estados convivan varias linguas, é dicir, que sexan plurilingües. A convivencia de dúas linguas dentro dun mesmo territorio pode dar lugar a unha situación de equilibrio entre elas, o bilingüismo social; non obstante, o máis habitual é que haxa unha lingua máis prestixiada socialmente, para usos cultos e formais e asociada ás clases medias e altas, a lingua dominante, fronte a outra lingua, a lingua minorizada, empregada nos usos informais e orais, con pouco prestixio social e asociada ás clases humildes da sociedade. Esta segunda situación, de desequilibrio funcional entre as dúas linguas, denomínase diglosia, e é a que sofre o galego, lingua minorizada fronte ao castelán, que é a dominante.
Contrariamente ao que se poida pensar, que unha lingua sexa minorizada non significa que sexa minoritaria dentro dese territorio. É certo que a diglosia, en caso de manterse, fai que a lingua minorizada perda falantes a favor da dominante, pero este é un proceso lento. Así, por exemplo, a principios do século XX os galegos con lingua materna galego representaban o 90% da poboación, mentres que un século despois apenas chegan ao 60%. E, non obstante, o galego segue sendo a lingua maioritaria en Galicia, fronte ao castelán, que aínda é a minoritaria. Trátase, por tanto, de dous conceptos diferentes: entre a lingua dominante e a lingua minorizada hai unha diferenza cualitativa, de uso e prestixio social; mentres que entre a lingua maioritaria e a minoritaria hai unha diferenza cuantitativa, de número de falantes.
Para evitar a diglosia e a perda de falantes da lingua minorizada, co conseguinte perigo de substitución lingüística, é necesario iniciar un proceso mediante o cal se poida restablecer o nivel de uso e o status social da lingua en perigo, a chamada normalización lingüística. Para levar a cabo este proceso poden emprenderse dous tipos de medidas:
- En primeiro termo, as espontáneas, como as promovidas por organismos cívicos sen carácter oficial (asociacións, agrupacións veciñais...).
- En segundo lugar, as medidas planificadas, que son as promovidas e realizadas por organismos públicos oficiais.
As medidas planificadas pretenden influír no status da lingua, como é o caso das medidas lexislativas (status xurídico) que recollen o uso oficial do galego na Comunidade Autónoma de Galicia: a Constitución española (1978), o Estatuto de Autonomía (1981) e a Lei de Normalización Lingüística (1983). A estas medidas podemos engadir outras que inflúen no status social da lingua, coma o labor realizado pola RTVG dende a súa creación en 1985, así como o esforzo editorial, a introdución do galego en tódolos niveis do ensino, a súa oficialidade nas universidades, a creación da Mesa pola Normalización Lingüística, en 1988, ou a creación de xornais e publicacións periódicas en galego. Por último, hai outras medidas que inciden no corpus da lingua, mediante o establecemento dunha normativa que defina a variedade estándar (normativización), destacando a publicación, en 1982, das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, revisadas en 1996 e reformadas en 2003, na denominada normativa da concordia.
S4: O Galego no Primeiro Terzo do Século XX
Nesta época producíronse cambios sociais importantes en Galicia. Foi a etapa das reivindicacións agrarias e da redención dos foros, coa conseguinte desaparición da fidalguía que os impoñía. Nas cidades desenvolveuse unha burguesía industrial e comercial que necesitaba man de obra, polo que aumenta a emigración do campo á cidade e aparece o proletariado. En canto á emigración a América, continúa de forma intensa, coma no século anterior.
No eido sociolingüístico, o galeguismo do século XIX impulsou a conciencia lingüística de certos colectivos e a creación de institucións e publicacións en defensa do galego. Así, por exemplo, foi creada a RAG en La Habana en 1905. En 1916 apareceron as Irmandades da Fala, que publicaron o semanario coruñés A Nosa Terra e elaboraron o Manifesto da Asemblea Nacionalista de Lugo, en 1918, que recolle os fundamentos do nacionalismo galego. En 1920, os membros do Grupo Nós comezan a publicación da revista Nós. En 1923 créase o Seminario de Estudos Galegos, que potencia o uso do galego na prosa científica e técnica. En 1931 fúndase o Partido Galeguista, que defenderá en Madrid os postulados do nacionalismo galego e impulsará a aprobación do Estatuto de Autonomía en 1936.
Fronte a estas iniciativas normalizadoras, continúan a castelanización e a perda de galegofalantes dos séculos anteriores, agora agravados por factores como:
- A presión dos medios de comunicación, a maioría en castelán, sobre todo a prensa e a radio.
- A continuidade das estruturas oficiais do estado centralista (administración, xustiza, ensino...) que impoñen o castelán.
- A emigración interior campo-cidade, co conseguinte desexo de ascenso social dentro das clases dirixentes castelanfalantes.
- E, por último, a emigración masiva a América, coa evidente perda de galegofalantes.
O galego escrito desta época denomínase "galego enxebrizante" por presentar dúas características: a primeira, que os escritores tentan depurar o galego de castelanismos para diferencialo máis do castelán, o que vai provocar a aparición de hiperenxebrismos (*primaveira, *posible); a segunda, que, para superar os dialectalismos, recorren ao galego-portugués medieval (arcaísmos: *falescer, *cibdade) ou ao portugués contemporáneo (lusismos: *proprio, *leitor).