Immanuel Kant: Biografía e Filosofía

Enviado por Chuletator online y clasificado en Filosofía y ética

Escrito el en gallego con un tamaño de 12,52 KB

Immanuel Kant naceu en Königsberg, actualmente Kaliningrado, no seo dunha familia humilde. En 1740 ingresou na universidade. Durante anos ensinou como profesor privado e despois como profesor de lóxica e metafísica, momento no que escribiu a Disertación, onde mostra que o coñecemento non pode basearse só na experiencia. En 1794 o rei Federico Guillermo II prohibiulle impartir clases e escribir sobre asuntos relixiosos. Acatou a orde ata a morte do rei e entón puido seguir publicando e ensinando con normalidade.

O Idealismo Transcendental

O idealismo transcendental de Kant supón un punto de inflexión na historia da filosofía. A filosofía de Kant toma como punto de partida o racionalismo de Descartes, Leibniz e Wolff, dos que herda a formulación do coñecemento dende o suxeito e a importancia concedida á razón. Posteriormente, será o empirismo de Locke e Hume o que o "desperte do seu soño dogmático" sinalando á razón os límites da experiencia fenoménica. No terreo moral, as formulacións dos ilustrados franceses, en especial Rousseau, e os moralistas ingleses daranlle claves para a consecución da felicidade. Por último, os avances da física e da matemática de Newton serviranlle de inspiración dende moi novo e estarán presentes durante toda a súa vida.

Períodos e Obras Principais

Na súa obra podemos distinguir dous períodos:

  • Período precrítico: Kant aínda non desenvolveu o seu punto de vista filosófico propio. Obras:
    • Historia xeral da natureza e teoría do ceo
    • Dissertatio
  • Período crítico: filosofía madura. Obras:
    • Crítica da razón pura
    • Crítica da razón práctica
    • Crítica do xuízo
    • Fundamentación da metafísica dos costumes

Contexto Histórico e Cultural

Kant é un autor do século XVIII. Politicamente, neste século as monarquías absolutas do Antigo Réxime iranse suavizando. Xorde o despotismo ilustrado, "todo para o pobo pero sen o pobo". Nesta época Kant, en O conflito das facultades reivindicou a liberdade de pensamento e de expresión. No terreo económico iníciase unha época de prosperidade que reforzará a idea de progreso en pensadores ilustrados como Kant. Na orde social, en Alemaña prolóngase o sistema feudal. Esta época de desigualdades marcará os ideais éticos e políticos que Kant traza en A paz perpetua baseados na liberdade, a independencia e a igualdade de todos os cidadáns.

Culturalmente, o século XVIII é coñecido como o Século das Luces porque nel desenvólvese o movemento cultural, científico e filosófico da Ilustración, o cal pretende iluminar á humanidade cuestionando a tradición en todos os ámbitos do saber. Como autor ilustrado, Kant considerou que o home no século XVIII atopábase na minoría de idade. Instáballe a cultivarse para deixar de depender doutros e así poder vivir sen tutelas relixiosas nin políticas. Non bastaba só con retirar os obstáculos externos á liberdade e á felicidade, senón que había que facerse coa capacidade de decidir por un mesmo en todos os ámbitos da vida.

As Preguntas Esenciais da Razón

Kant cría que todos os individuos debían formularse unhas preguntas que os converterían en fins en si mesmos e que chamou intereses esenciais da razón. Estas preguntas eran:

  • Que podo coñecer?
  • Que debo facer?
  • Que podo esperar?

Respondendo a estas preguntas podemos definir o ben concreto para a nosa vida concreta e definir a meta da nosa vida.

A Crítica da Razón Teórica

A primeira pregunta esencial á razón era "que podo coñecer?". Kant cría oportuno facer unha crítica da razón teórica para demostrar dunha vez por todas que non se podía coñecer nada excepto a natureza, cuxo coñecemento baséase en capacidades que todo o mundo ten. Isto é o que significa coñecer: o válido universalmente, o válido para todos. A estes principios Kant chamounos principios a priori do coñecemento. Kant quixo demostrar que sen eses principios a priori o coñecemento non era posible. A ese coñecemento dos principios a priori Kant chamouno coñecemento puro.

Metafísica e Ciencia

O obxectivo da Crítica da razón pura é profundar no límite, alcance e posibilidades da razón teórica. Pode a metafísica ser ciencia? Esta pregunta é o punto de partida da Crítica da razón pura. O problema ao que se enfronta Kant é pescudar se todos os coñecementos que produce a razón son científicos. Descobre que tanto as matemáticas coma a física progresaron como ciencias e os científicos están de acordo cos seus resultados. A metafísica, porén, é un coñecemento especulativo da razón e illado da experiencia. Os seus obxectos de estudo son catro ideas: Deus, a alma, a liberdade e o mundo na súa totalidade. As catro teñen en común que non poden ser obxecto de observación empírica. O racionalismo pretendía coñecer os obxectos da metafísica usando só a razón e tratando esas ideas como ideas innatas. O empirismo criticou as pretensións racionalistas de coñecer cientificamente os obxectos da metafísica baseándose en que o coñecemento só é posible do dado na experiencia. Isto demostra que non hai acordo en canto á metafísica.

O Idealismo Transcendental e os Xuízos

Kant formula o idealismo transcendental, segundo o cal o coñecemento é unha síntese entre obxecto (materia do coñecemento) e suxeito. Todo coñecemento comeza coa experiencia pero non todo o que hai no coñecemento procede da experiencia. Unha vez aclarado o problema da metafísica formúlase outra pregunta: que é a ciencia? Cando Kant investiga sobre a ciencia usa o termo xuízo, que podemos definir como a acción e o efecto de pensar. Un xuízo para ser científico debe cumprir dúas condicións:

  • Ten que aumentar o noso coñecemento.
  • Ten que ser universal e necesario.

Clasificación dos Xuízos

Podemos clasificar os xuízos:

  • Segundo o seu fundamento (se a súa verdade depende ou non da experiencia):
    • A priori: son aqueles cuxa verdade ou falsidade é independente da experiencia. Son universais e necesarios.
    • A posteriori: son aqueles cuxa verdade é dependente da experiencia.
  • Segundo a relación entre o suxeito e o predicado:
    • Xuízos analíticos: son universais e necesarios pero non engaden información, polo tanto non son científicos.
    • Xuízos sintéticos: achegan información, pero non son científicos, nin universais nin necesarios.

Kant explica que o xuízo científico é o xuízo sintético a priori, xa que cumpre as dúas condicións da ciencia, é extensivo e é universal e necesario. A pregunta que se formula Kant agora é se son posibles os xuízos sintéticos a priori na metafísica, na física e na matemática?

Análise das Capacidades Cognoscitivas

Para responder, na Crítica da razón pura estúdanse as nosas capacidades cognoscitivas (sensibilidade, entendemento…) para coñecer o mundo e como as formas a priori que as conforman fan posibles as distintas ciencias.

  • Estética transcendental: Parte da Crítica da razón pura que analiza a sensibilidade. As intuicións empíricas (obxectos) que recibimos na sensibilidade ordénanse segundo unhas coordenadas (intuicións puras) espazo-tempo que pon a nosa mente. Kant chama fenómeno á unión das intuicións empíricas e as intuicións puras. Os xuízos sintéticos a priori son posibles na matemática grazas ao carácter a priori do espazo e do tempo. Polo tanto, a matemática é posible como ciencia.
  • Analítica transcendental: Parte da Crítica da razón pura que se ocupa do entendemento. A sensibilidade é pasiva e recibe intuicións e o entendemento é activo e unifica os fenómenos dados pola sensibilidade baixo as formas a priori do entendemento que son os conceptos puros ou categorías. Estes conceptos poden ser de dous tipos:
    • Conceptos empíricos: aplícanse ás intuicións empíricas. Son a posteriori, xorden na nosa relación coa experiencia.
    • Conceptos puros: tamén chamados categorías. Son a priori e constitúen a forma baixo a cal pensamos e coñecemos os obxectos.

Categorías e a Posibilidade da Física

Hai doce categorías, tres por cada tipo de xuízo. Hai dúas categorías moi importantes, unha é a categoría de causalidade, a nosa mente busca de xeito natural a relación causa-efecto entre fenómenos. Outra é a categoría de substancia, que fai referencia aos fenómenos que permanecen no tempo. Debido a estas dúas categorías e á de acción recíproca son posibles os xuízos sintéticos a priori na física, polo tanto a física é posible como ciencia.

Fenómeno e Noúmeno

A analítica transcendental determina que as categorías pódense aplicar exclusivamente aos fenómenos dados pola sensibilidade, polo tanto, só podemos coñecer o que aparece ante min, os fenómenos. De aí a distinción entre fenómeno, o que aparece na miña mente, fronte a noúmeno, a cousa en si que non pode ser intuída. Noúmeno significa o pensado. Kant utiliza esta palabra para diferenciar o que pode ser coñecido do que pode ser pensado. Aplicar as categorías a aquilo do que non teño intuición empírica supón un uso ilexítimo destas. A condición para que se faga un uso lexítimo das categorías é que se utilicen con fenómenos que poden ser intuídos empiricamente. O noúmeno delimita o que pode ser coñecido cientificamente fronte ao que só pode ser pensado.

Dialéctica Transcendental e as Ideas da Razón

Dialéctica transcendental: Parte da Crítica da razón pura que analiza a razón, o pensamento. A razón unifica todo o coñecemento intuído pola sensibilidade e ordenado polo entendemento de acordo cos conceptos puros e reduce o seu contido a uns principios que se denominan ideas transcendentais de alma, mundo na súa totalidade e Deus. Kant explica así como as ideas transcendentais unifican todos os fenómenos:

  • A idea de alma unifica o conxunto de fenómenos da experiencia interna.
  • A idea de mundo unifica todos os fenómenos da experiencia externa.
  • Ambas unifícanse na idea de Deus.

Erros da Metafísica

A metafísica estuda as ideas transcendentais que non son fenómenos, senón noúmenos e aplícalles ilexitimamente as categorías do entendemento. Ao facelo incorre nos seguintes erros e contradicións:

  • A psicoloxía, ao aplicar as categorías á idea de alma produce paraloxismos que nos fan crer na existencia da alma como substancia simple.
  • A cosmoloxía, ao aplicar as categorías á idea de mundo produce antinomias (defender teses contrarias: o mundo é eterno, e o mundo ten unha orixe).
  • A teoloxía, ao aplicar as categorías á idea de Deus produce demostracións racionais inválidas, tanto a priori como a posteriori.

Por todo isto, a metafísica non produce xuízos sintéticos a priori, polo tanto, a metafísica non é posible como ciencia.

Influencia da Filosofía Kantiana

A filosofía kantiana tivo unha influencia inmediata no idealismo alemán. Fichte nega a existencia do noúmeno. Hegel engadiu que as categorías son modos de coñecer pero tamén modos de ser. Unha achega importantísima de Kant tanto á filosofía como á ciencia foi a delimitación do coñecemento científico ao que pode ser intuído empiricamente. O neokantismo xurdiu na Escola de Baden e na Escola de Marburgo. Estes opuxéronse a calquera interpretación da filosofía dende a perspectiva metafísica. Pensadores posteriores como Heidegger defenderán a filosofía kantiana como a orixe dunha nova forma de estudar a metafísica. A fenomenoloxía de Husserl tamén é herdeira do idealismo transcendental en canto á súa interpretación do mundo dos obxectos como actos de conciencia. A ética formal kantiana terá influencia na teoría dos valores de Scheler e na teoría da xustiza de Rawls. Kant influíu tamén nos plantexamentos dos dereitos humanos e na configuración das relacións internacionais con propostas como a sociedade de nacións, tal e como expón na súa obra A paz perpetua.

Entradas relacionadas: