Exame de lingua galega irmandades da fala e grupo nos

Enviado por casa y clasificado en Otras materias

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,02 KB

 
Vicente Martínez Risco e Agüero naceu en Ourense, en 1884. Licenciouse en Dereito pola Universidade de Santiago en 1906, tras o cal exerceu a súa profesión na delegación de Facenda da súa vila natal, mais deixou este traballo para cursar os estudos de Maxisterio en Madrid, con que obtivo a cátedra de Historia na Escola Normal de Ourense en 1916. En 1917 fundou con Arturo Noguerol a revista literaria La Centuria, que abriu unha etapa marcada polo aristocratismo intelectual, a percepción decadentista da modernidade europea e un enorme interese orientalista. En 1918 todo o grupo de La Centuria manifestou o seu compromiso co galeguismo contactando, a través deAntón Losada Diéguez, coas Irmandades da Fala. Esta evolución ideolóxica ficou plasmada no ensaio Nós, os inadaptados (1933). Risco desenvolveu un labor fundamental a prol da recuperación e dignificación da cultura galega, preocupación que o levou a atender a múltiples frontes, desde aconsellar e guiar a nova xeración até se transformar no ideólogo do nacionalismo co ensaio Teoría do nacionalismo galego. Foi fundador da revista Nós e colaborou no Seminario de Estudos Galegos. No campo político consolidou desde moi cedo o seu peso nas Irmandades, e conseguiu a súa desmembración creando a Irmandade Nazonalista Galega, de opción culturalista fronte ás aspiracións políticas da vella Irmandade da Fala. Iniciou a súa andaina como narrador no ámbito da novela curta (Do caso que lle aconteceu ó doutor Alveiros, 1919; O lobo da xente, 1925,...)para seguir cunha novela fundamental na literatura galega, O porco de pé (1928). Mais tamén cultivou todos os outros xéneros: teatro, poesía e, sobre todo, o ensaio. En 1930 Risco realizou unha viaxe como bolseiro co fin de se achegar á etnografía centroeuropea. De regreso publicou "Da Alemaña" na revista Nós, un conxunto de artigos que serán compilados posteriormente en Mittleleuropa (1934), onde se pode apreciar a súa postura ideolóxica, cada vez máis tradicionalista.A súa aportación máis destacada dentro do Partido Galeguista foi a creación e posterior escisión da Dereita Galeguista. Durante a guerra foi un afervoado cantor dos fascistas sublevados. En 1945 marchou a Madrid, mais voltou definitivamente para Ourense en 1948. Son anos en que Risco está centrado na súa carreira como escritor español. De todos os xeitos, a instancias dos seus vellos camaradas, baixo o título de Leria, publicou en 1961 unha escolma de traballos filosóficos, críticos e literarios, redixidos na nosa lingua entre 1920 e 1955. Tras a súa morte, acaecida en 1963, a multifacetada e controvertida personalidade de Vicente Risco continuou a exercer unha forte fascinación, e a súa obra investigadora, ensaística, crítica, etnográfica e literaria foi obxecto de numerosos estudos.


Entradas relacionadas: