A Construción da Norma Galega: Purismo, Enxebrismo e a Época das Irmandades

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 3,59 KB

Características Lingüísticas Fundamentais: O Galego Enxebrista ou Diferencialista

O movemento enxebrista ou diferencialista marcou profundamente a evolución da lingua galega no século XX, buscando a súa singularidade fronte ao castelán e promovendo a súa elaboración normativa.

A Fundación da Real Academia Galega (RAG)

En 1906 inaugurouse na Coruña a Real Academia Galega (RAG), con Manuel Murguía como primeiro presidente. Esta institución naceu coa misión principal de redactar unha gramática e un dicionario, pero non chegou a cumprir o prometido inicialmente.

O Impulso Purista e a Busca da Singularidade

A aplicación do galego a novos ámbitos de cultivo e usos, tanto escritos como orais, facía necesario dotalo dun nivel de elaboración do que carecera ata o momento, tanto no que atinxe á súa unificación ortográfica como ao enriquecemento do seu vocabulario.

Por outra parte, a ideoloxía nacionalista imperante nesta época provocou que os escritores da época das Irmandades da Fala, o Seminario de Estudos Galegos e a Xeración Nós intentasen buscar un idioma galego máis puro, no sentido de afastalo das interferencias do castelán. Isto lévaos a resaltar o aspecto máis enxebre do galego, como unha vía de afirmar a súa singularidade con respecto á lingua dominante.

Así, á hora de cubrir lagoas léxicas, normais nun idioma que estaba inaugurando ámbitos de uso, acudían preferiblemente ao portugués ou ao galego antigo —moito mellor coñecido ca no Rexurdimento—, así como a outras linguas internacionais de cultura, antes que ao castelán. Este afán purista levounos a rexeitar en moitos casos formas galegas lexítimas, para substituílas por arcaísmos, lusismos, estranxeirismos, hipergaleguismos ou vulgarismos innecesarios.

Propostas de Unificación Ortográfica

En canto á unificación ortográfica, propuxéronse as seguintes bases:

  • Rexeitamento do y polo i.
  • Uso de Ll, ñ, e x para a representación das palatais.
  • Uso do H segundo a etimoloxía.
  • Mantemento de grupos cultos.
  • Abandono do apóstrofo.
  • Redución do guión.

Desenvolvemento da Norma Unificada

Canto á elaboración dunha norma unificada, non será a Academia quen asuma este labor, senón as Irmandades da Fala e o Seminario de Estudos Galegos. A Nosa Terra, daquela órgano de expresión do Partido Galeguista, adopta as normas do Seminario inmediatamente, o cal ten especial relevancia debido ao peso desta revista no ámbito nacionalista do momento.

Obras Clave na Normalización Lingüística

Previamente á publicación das normas do Seminario, saen á luz outras obras fundamentais. As primeiras normas aparecen en 1919, promovidas polas Irmandades, nunha obriña titulada Compendio de gramática galega, de Leandro Carré Alvarellos, pero non contaron con moita aceptación.

A este mesmo autor debémoslle o Diccionario gallego-castellano (1928-1931). Destaca, ademais, a Gramática do idioma galego (1922), de Manuel Lugrís Freire, e o estudo de Couceiro Freijomil El idioma gallego: historia, gramática, literatura (1926).

Este último autor publicara en 1929 o segundo intento de unificación ortográfica (Ortografía galega. Bases para a súa unificación), máis sistemático ca o anterior e que constitúe, de feito, a base das normas do Seminario.

Entradas relacionadas: