Análise da Cohesión, Coherencia e Adecuación en 'Longa Noite de Pedra' de Celso Emilio Ferreiro

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 5,01 KB

Longa Noite de Pedra: Unha Análise Literaria

Cohesión

A linguaxe é literaria e connotativa, pois o que desenvolve dun xeito moi sinxelo e intenso é a alegoría.

O léxico popular, estándar está ao servizo da simboloxía metafórica. A literalidade só ten musicalidade, a connotación e interpretación profunda ten unha mensaxe moito máis fonda.

O campo semántico está asociado cunha serie de factores negativos, como poden ser o desacougo, a desesperanza, o medo, a morte, a traizón... Pedra, tebras, reixas, cadeas, noite...

No poema hai un par de oracións coordinadas que veñen facer unha función semellante ás enumeracións. A exposición é simple, concisa e sintética, sen complexidades sintácticas.

O factor que achega un maior sentido da cohesión é a repetición de certos termos, como é a asociación de todo canto o rodea, obxecto ou persoa, co termo pedra para designar a frialdade.

Dada a priorización cara ao asíndeto, non hai conectadores textuais que se deban subliñar. A rapidez no ritmo duns versos minúsculos dan unha sensación de inmediatez e fugacidade na que se amorea a mesma idea de principio a fin, sen grandes avances semánticos.

Coherencia

Tipoloxía textual

Hai unha tendencia total á descrición. Todo é de pedra, todo é frío e desesperante, desde o teito que ve do seu leito ata os corazóns e sentimentos dos homes que saben da situación desde a distancia.

Verso libre en arte menor. Versos de tres sílabas, de sete, nunca pasa deste número, busca a mensaxe clara e inmediata, un lóstrego versal.

Tema e resumo

O tema é o desacougo pola opresión do Réxime. O eu lírico presenta unha ambientación que vén evocar os medos, tristuras e inxustizas propios da represión neste momento histórico.

Estrutura

A grande alegoría do franquismo transcorre achegando diferentes aspectos que rodean o eu lírico nun mesmo nivel de importancia. Incide nunha mesma mensaxe co final ou desenlace que indica como sente esa situación de opresión apelando á morte como símbolo do desamparo e ausencia de esperanza.

Contextualización

Este poema foi publicado por primeira vez en 1962. Foi obra transcendental da poesía socialrealista dos sesenta e setenta.

O socialrealismo de Celso Emilio xira arredor duns eixes temáticos que serían: a denuncia da opresión en calquera parte do mundo; os poemas antibelicistas que terían que ver coa súa experiencia como soldado na Guerra Civil, e os poemas de denuncia da ditadura franquista.

Adecuación

Elementos da comunicación

O autor crea un eu poético por medio da obra escrita consciente de que a mensaxe non podería chegar de xeito inmediato ao receptor. Non hai que esquecer que o poema foi concibido no tempo que estivo na cadea, polo que hai unha reflexión en forma de alegoría que procura o sentimento comunicativo no tempo.

Fóra da interpretación da metáfora que envolve todo o poema, a lingua empregada por Celso Emilio é accesible por non afondar nun rexistro culto. A lingua é popular, a empregada pola xente do común, e non por iso renuncia ao lirismo e á forza lingüística da mensaxe poética.

Intención comunicativa

O eu lírico describe a súa situación, amosa todo o que o rodea. Alí onde ve, alí onde pon a vista, é o mesmo. Só atopa desacougo e tristura e unha desesperanza que percorre o poema do primeiro ao último verso.

Parte da súa vivencia particular que vai cara ao xeral. O que el sente non é outra cousa que o exemplo do que vive a sociedade galega, é o mesmo desacougo que vai do individual ao colectivo.

Opinión Argumentada

A metáfora, longa noite de pedra, referíndose ao franquismo, amosa a facilidade do poeta para comunicar exactamente o que quería sen necesidade de acudir a unha linguaxe que puidese poñelo nun compromiso.

Todo xira arredor desta longa noite, o que rodea o autor, o máis común, como os muros ou as paredes, o teito, as reixas... ata o que só pode albiscar ou intuír, como é a conciencia dos homes que nin sequera están ao seu carón e que teñen que ver coa súa situación, todo ten que ver co símbolo da pedra, figura que simboliza fatalidade, medo, morte... toda unha sorte plurisignificativa.

Neste poema entrarían dous eixes básicos da poesía socialrealista de Celso Emilio: a xa comentada denuncia do Réxime e a opresión en que se ve sumido. Os seus males son os males do pobo e os males do pobo son os seus propios. Hai simbiose e empatía entre o eu lírico e a sociedade do momento que tiña que sufrir a ditadura. É por iso que, non só neste poema, senón tamén no groso da produción social de Celso Emilio, a lingua é inmediata, e de fácil comprensión, sen necesidade de acudir a termos cultos. Non é casualidade que desde aquela quedase a frase “longa noite de pedra” instaurada e instalada entre o pobo ata o día de hoxe como enunciación substitutiva da ditadura franquista.

Entradas relacionadas: