Análise dunha Cantiga de Amor Galego-Portuguesa
Enviado por Chuletator online y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en gallego con un tamaño de 3,06 KB
Introdución á Cantiga de Amor
A composición que a continuación imos comentar é unha cantiga de amor. Indícao de maneira clara a aparición da palabra “senhor” (versos 1 e 5) ou “coitas” (versos 2, 6...). Como sabemos, a temática é amorosa: a voz lírica é un home que lle expresa o seu amor á dama (senhor), obxecto lírico. Este tipo de cantiga nace a partir da influencia da cançó occitana, proveniente do sur de Francia, e é unha das mostras máis importantes da nosa literatura medieval en galego-portugués durante os séculos XIII e XIV.
Contido da Cantiga
En canto ao seu contido, e como é propio deste tipo de cantigas, o trobador manifesta o seu grande amor pola senhor. A relación establecida entre os dous lembra a de vasalaxe propia da sociedade feudal, de tal maneira que “amar” convértese en “servir”. Ademais, poderiamos dividir a composición en dúas partes:
- Na primeira (dúas primeiras estrofas), o namorado expresa canto ama á dama e canto sufrimento (“coita”) lle provoca isto.
- Na segunda (dúas últimas estrofas), describe en que consiste este sufrimento, pois non é capaz de durmir nin de noite nin de día (“e non durmo a noit’ e o dia peor ei!”, verso 10).
O Estado do Namorado
Por outra banda, podemos sinalar en que estado se atopa o namorado: concretamente precador, pois estalle confesando de maneira clara os seus sentimentos á dama. É importante tamén indicar a presenza da “coita de amor”, ese claro sufrimento por un amor non correspondido que leva o home a non poder durmir.
Análise Formal da Cantiga
No tocante á forma, en primeiro lugar temos que dicir que a composición ten catro cobras cun total de catro versos cada unha. Ademais, trataríase dunha cantiga de refrán, pois estanse repetindo de forma literal os dous últimos versos de cada estrofa. Por outra banda, os versos teñen rima macho (agás os do refrán, que a teñen femia). Ademais, establécese rima asonante entre os dous primeiros versos da primeira e da terceira estrofa, e rima consonante entre os dous primeiros versos da segunda e cuarta estrofas. O esquema métrico que seguen é o seguinte: aaRR–bbRR–aaRR–bbRR.
Recursos Estilísticos
Así mesmo, na composición aparece o leixaprén (2º verso da 1ª estrofa co 1º verso da 3ª estrofa; 2º verso da 2ª estrofa co 1º verso da 4ª estrofa).
Conclusión
A modo de conclusión, hai que dicir que a cantiga de Airas Paez axústase de maneira clara á tipoloxía de cantiga de amor, principalmente en canto ao seu contido. O namorado mostra claramente o sufrimento que lle causan os sentimentos pola senhor. Esta relación simboliza o amor cortés, ese en que o home se converte nun vasalo da dama.