Adxectivos invariables

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 9,36 KB

Despois dunha primeira lectura, observamos que estamos ante un poema lírico, xénero literario ao cal pertencen as obras escritas en verso e que expresan sentimentos análogos.
Ao tratarse dun texto literario, unha das súas funcións predominantes é a poética que se fai patente nas personificacións (campás melancólicas), imaxes (anchos corredores) ou nos xogos de sensacións como:
frías caricias, flores artificiais que embelecen a mensaxe, xunto a esta función tamén temos a emotiva-descritiva que está presente no propio contido-
Asunto do poema. Un poema intimista escrito nun ton melancólico, pausado e lento querendo recuperar a través da memoria o pasado esquecido. Expresado nunha lingua actual acorde co estándar.
Desde o punto de vista do contido o título do poema HABITAS RÚAS DE MEDO, vainos servir de guía orientadora cara ao corazón da proposta temática, e ao mesmo tempo dálle unha certa autonomía a esta composición fronte a outras pertencentes ao poemario de Alba de auga sonámbula, de Xulio. L. Valcárcel -
poeta e narrador pertencente a xeración dos 80

-

En Habitas rúas de medo, a voz dominante é a dun eu lírico presente ao longo do poema, un eu que aparece desdobrado nunha segunda persoa ti como podemos observar nos seguintes versos: «hábitas rúas de medo e buscas / en cada neno que cruzas aquel neno que fuches...», «...Esculcas cadros / que te miran desde aló, obxectos / que outras mans tocaron». Versos que amosan o autor reflectido nun espello, como se falase consigo mesmo, trátase da técnica do autodiálogo. As formas verbais da 2ª persoa do singular de presente de indicativo agochan os sentimentos do
autor, o cal fai unha viaxe interior desde o presente ao pasado, mais concretamente á súa nenez, a aquela infancia perdida «por anchos corredores cruzan sombras que te precederon / bouga de pregos esluídos nunha luz neboenta».
O autor intenta recuperar «ese neno que xoga» por medio da palabra e dos recordos do pasado «de invernos longuísimos de cinza da túa historia». É tremenda a forza devastadora do tempo, onde nada escapa ao seu poder convertendo en cinza, é dicir en morte, en paso do tempo, o que foi chama vital «chegan a ti campás melancólicas días sen paxaros / misais, rosarios remol de leitos onde se amou». E nesa lembranza do pasado xorde na súa memoria, unha memoria que non é lineal nin obxectiva, senón oblicua «a luz oblicua da memoria» o seu primeiro amor. Trátase dunha memoria selectiva que escolle aquilo que máis lle impactou da súa nenez, época na cal o tempo pasa a modiño «invernos longuísimos», escolle aquilo que aínda co decorrer do tempo permance «no clarescuro desfarrapado da lembranza», así a voz poética «esculcas cadros / que te miran desde aló, obxectos que outras mans tocaron / frías caricias no muro da derrota». O pasado volve a el. Os obxectos producen nel sensacións, sensacións que ás veces un xa tiña esquecido, pero que perviven agochados, difuminados nese «clarescuro desfarrapado da lembranza». Lembranzas, recordos, sensacións, olores todo envolve o universo do protagonista desta historia que é a propia voz poética -autor-, que nun ton intimista e ás veces cun tinte existencial ofrécenos un desacougo fronte ao tempo xa pasado, pero tamén unha esperanza que xorde neses últimos versos do poema «e recoñeceraste nese neno que xoga / neses ollos inmensos que miran asustados». Asustados porque non sabe o que lle depara, mais o poeta si o sabe e xa pode reflexionar sobre a súa nenez porque xa a viviu, xa pasou.
O tema en torno ao que xira este asunto é: o desacougo, a sensación de baleiro, angustia polo medo de se saber incapaz de recuperar aquilo que foi a súa máis absoluta e íntima vivencia persoal, ou poderiamos ir máis alá, e incluso dicir unha vivencia colectiva, xa que nós como lectores e adultos tamén vémonos reflectidos, e recoñecémonos neses nenos que habitan as rúas de medo -o paso do tempo-. Como vemos temos un tema moi intimista, melancólico e intenso que flúe ao longo dos 23 versos que constitúen esta composición dunha maneira lineal e engarzada, sen división estrutural, todo vai fluído como transcorre pola nosa mente, cando a través de sensacións obtemos un recordo e asociamos. Un poema pechado a través da técnica recolectiva do último verso que recolle o neno do primeiro verso.
Neste poema melancólico as coordenadas espazo-temporais están moi difuminadas, pois o máis importante é a emotividade interna, de aí que deberiamos falar máis que dun tempo externo manifestado nas formas verbais de presente, pasado e futuro, dun tempo interno, lento, estático no pasado nun momento da súa vida: a nenez. Tempo que está en relación co espazo que é tamén interno, xa que temos a propia memoria do autor. Hai unha paisaxe interior, enigmática, chea de lembranzas... Parece como se viaxásemos por unha galería, a da memoria, onde van fluíndo imaxes como: «os leitos, onde un amou, os rosarios, as misas, as caixas de música...» todos son elementos que producen sensacións no autor que lle levan a reflexionar sobre ese pasado sen retorno. Pois todos camiñamos cara adiante e non hai volta atrás. Contido de gran carga sentimental que se vai reflectir na propia forma como veremos agora.
Desde o punto de vista da forma, estamos perante un poema monoestrófico, heterométrico composto por 23 versos libres. O seu ritmo é lento, acorde co tema tratado, e isto acentúase coa abundancia de encabalgamentos como: «...Buscas en cada neno que cruzas... (v.1,2)», «...Onde se perden as horas en... (v.3,4)»; «...O ar
que outros deixaron en mestas atmósferas de desarraigo... (v.15, 16)»; encabalgamentos suaves que intentan non romper o ritmo interno do poema, e que axudan a que este sexa máis fluído aínda que lento.
Cómpre salientar neste apartado a aliteración do /s/ nos dous primeiros versos, fonema que abunda ao longo da composición xunto co vibrante /r/, talvez contrastando o mundo silencioso da memoria coa realidade «as horas en labirintos escuros... Mestas atmósferas... Frías caricias...» fronte a «desarraigo, deixaron, desfarrapado, recoñeceraste cando saías á rúa» efecto fónico que tamén terá a súa correspondencia no plano semántico.
A nivel morfolóxico, é ineludible facer referencia á grande abundancia de adxectivos (oblícua, escuros, longuísimos, melancólicas) que aparecen sempre connotando ao substantivo ao cal acompañan limitando e cualificando (luz oblícua, labirintos escuros, luz neboenta; campás melancólicas), adxectivos pospostos que determinan e teñen menos carga subxectiva e expresiva que os antepostos que temos en (anchos corredores, frías caricias; mestas atmósferas). A abundancia desta categoría non só vai embelecer o poema, senón que tamén realza e enfatiza os sentimentos do autor, intensificando a nivel formal o que xa vimos no contido.
En canto á categoría verbal predominan formas de presente (habitas, buscas, cruzas...) que fan referencia ao momento en que fala a voz poética, e non cal se sitúa para volver ao pasado (precederon, tocaron...) para logo acabar no último verso coa única forma de futuro (recoñeceraste) que indica a esperanza.
Do mesmo xeito que os adxectivos, hai outros recursos que outorgan expresión e beleza ao poema como a recorrencia na utilización de cláusulas de relativo que normalmente modifican ao substantivo: «luz neboenta / que che trae ecos silenciosos», «cadros / que te miran desde aló» «obxectos / que noutras mans tocaron», «ar que outros deixaron...» recorrencias que presentan en anáfora o relativo que. Enumeracións como: «misais, rosarios, remol de leitos, onde se amou... Flores artificiais, caixas de música, funerarias monecas...».
Esta variedade de recorrencias e adición enumerativa son dous fenómenos intensificadores por repetición e acumulación que garda relación coa intensidade do tema.
Tema que a nivel léxico-semántico é moi rico en sensacións, e do mesmo xeito imos atopar unha gran riqueza de figuras estilísticas relacionadas coas sensacións auditivas, táctiles e visuais como as sinestesias dos versos 10 «ecos silenciosos», «frías caricicias (v.14)», «mestas atmósferas (v.16)». E a carón temos a personificación como «campás melancólicas».
Podemos concluír de todo o visto que este poema que nos achega a un mundo interior onde a poesía abandona o carácter social, e a temática ruralista moi cultivada a partir da posguerra, achéganos a un tema de carácter intimista, onde a palabra toma outros valores e a forma da mesma deixa de estar sometida a unhas regras clásicas, sendo máis libre pero sen esquecela. Lévanos a contextualizar o poema na década dos 80, escrito polo autor pertencente a esta xeración Xulio L. Valcárcel.

Entradas relacionadas: